A actualidade comarcal nos últimos meses pasa necesariamente polo conflito de Cedonosa (Catoira), na que como é habitual nestes casos os afectados son os traballadores. Facemos un pequeno resumo do acontecido nestas últimas semanas até o día de hoxe.
Cedonosa ten a súa central en Catoira e dende fai cincuenta anos elabora e comercializa gres. A súa produción é salientábel e pasa por ser unha das industrias referentes na contorna. A empresa posúe outra fábrica na provincia española de Teruel, na que centra agora os seus investimentos. O pasado mes de abril, os responsábeis presentaban a suspensión de pagos, que lle ía afectar a 87 familias (chegou a contar con 600 empregados). A nova foi un duro golpe para a veciñanza de Catoira. O pobo respostou na manifestación do Primeiro de Maio amosando o seu apoio incondicional aos traballadores, xa o fixeran os representantes municipais aprobando unha moción de apoio.
A empresa presentou un plano de viabilidade que incluía o despedimento de 37 traballadores. A tensión foi en aumento e sucedéronse as xuntanzas entre a representación sindical e as distintas administracións para tentar atopar unha saída ao conflito, mais as previsións non foron boas dende o comezo. A situación económica é moi negativa e proba diso é o feito de que a empresa eléctrica lle cortara a subministración a Cedonosa por impago. Non é preciso dicir que a situación dos traballadores pasa a ser moi dura pois teñen que acudir todos os días ao centro de traballo sen poderen realizar a súa actividade, nin por suposto cobrar. Onte mesmo comezaron as concentracións diante da fábrica para reclamar a recuperación da electricidade. A resposta foi inmediata xa que pola tarde restablecíase a subministración.
Pola súa banda, a dirección da empresa segue sen amosar nin a máis mínima intención de atopar unha saída: o seu obxectivo é trasladar a produción a Teruel. Por se fora pouco, a súa actitude é de absoluto escurantismo e négase constantemente a achegar a información que reclaman os traballadores. Cómpre dicir que a actitude do plantel é loábel pois a súa intención é restablecer a produción para poder demostrar a viabilidade da empresa.
A saída ao conflito non se prevé doada. A liberdade da que goza o empresariado neste sistema feito por e para eles permítelles este tipo de manobras impunemente xogando cos salarios dos que dependen moitas familias. A fin e ao cabo, contribuíntes que achegaron a súa tributación para que as administracións encheran de subvencións públicas a esta como a outras empresas que despois respostan así. A historia repítese con demasiada frecuencia e xa nos é coñecida.
